Alfonso Costa

DO IGNOTO

DO IGNOTO

baixo as vestimentas
do coñecido
un misterioso animal asexa
carrexando a fame
das súas crianzas
doces e terribles

a sombra está na luz
cos seus ollos abertos
espantados
de amor e de loucura

irrealizándose
como un canto
que alenta e se desfai no tempo
pasa a vida
deixando as augas ebrias
de silencio

no entre tanto
o interregno
da catástrofe e o sangue
que sabe da pureza

e as cordas atadas
a unha música de cuarzos
e estelas
e a frecha mística
a deter o xiro
infinito
e as azucenas do vento
xacentes na hora
de horizontes murados
e a rascadura do soño
a atravesar o corazón
cun tremor de amieiros

e o vendaval da cor e a certeza
da túa man
a trazar o rostro invisible
no que pousanios vivos

Eva Veiga

Alfonso Costa 2011 . Legal terms . Credits . info@alfonsocosta.es