Afonso Costa nace en Noia (A Coruña) en 1943. Dende neno destaca a súa gran imaxinación e destreza para o debuxo, polo que a súa nai inscríbeo nun curso de debuxo por correspondencia de AFHA. En 1960, con 17 anos, viaxa a Barcelona, cidade onde traballa intensamente e recibe a súa formación artística. É na Llotja, Escola de Artes e Oficios, onde en seis meses realiza a formación correspondente a tres cursos ao mesmo tempo que combina esta actividade con traballos en imprenta e de rotulista. Durante estes anos participa en numerosos concursos obtendo múltiples galardóns que contribúen a afianzar a súa fama e a reafirmarse como artista.
A finais dos anos sesenta, expón na sala Arte Moderna, lugar no que coñece a Carlos Aguilera, director da soada galería Trece, quen ao pouco tempo lle propón que traballe para él en exclusiva. En 1972 viaxa a Florencia cunha bolsa da Fundación March, esta viaxe é o seu primeiro gran contacto con Europa. Á súa volta de Italia, é xa un artista consagrado cunha intensa actividade expositiva, que recibe numerosos premios e participa en diversas feiras internacionais. Nesta etapa desenvolve con éxito a súa faceta de gravador, e de muralista (Instituto Frenopático, Cárcere de Mozos).
Nos anos 80 continúa a súa intensa actividade artística, participando en exposicións, feiras e certames. Deseña carteis, ilustra libros, pinta murais e recibe diversos premios e galardóns en recoñecemento ao seu traballo e consolídase a súa carreira no estranxeiro sobre todo en Francia e Alemaña. En 1984, é nomeado fillo predilecto de Noia, a súa vila natal. En 1997 instálase definitivamente en Galicia, onde continúa traballando incansablemente e desenvolve unha faceta educativa impartindo diversos seminarios especializados como as diferentes edicións do Curso de Gravado do Liceo de Noia.
A súa capacidade de traballo e imaxinación parece inesgotable, como constatan todas as actividades realizadas a partir do ano 2000: colabora en diversas publicacións, deseña carteis e trofeos, e participa en diversas exposicións en Galicia e no exterior. Pinta diversos murais, entre os que se pode destacar a cúpula do Liceo de Noia, realiza esculturas públicas, edítanse varias publicacións sobre da súa obra, e recibe múltiples premios e mencións. En 2005 e 2009 realízanse sendas exposicións antolóxicas organizadas pola Universidade de Santiago e por Caixa Nova respectivamente.
Unha intensa carreira da que o artista con humildade di “Eu cada día nazo á arte”.